mércores, 30 de abril de 2008

as mochilas viaxeiras

As mochilas viaxeiras emprenderon a súa saída o 15 de abril acompañando a catro alumnos de 1º curso de E.S.O e voltaron onte á nosa biblioteca. A actividade foi realmente un éxito, as opinións dos pais coinciden en que é unha actividade moi educativa, interesante e instrutiva e que os animou a ler, cousa que algúns facía tempo que non practicaban.
Hoxe saen de novo de viaxe acompañando a outros catro alumnos de 1º que estaban agardando por elas dende a primeira saída.
Un saúdo a todos os pais e nais que están colaborando para desenvolver axeitadamente esta actividade.

mércores, 23 de abril de 2008

DÍA DO LIBRO NA NOSA BIBLIOTECA

Hoxe, 23 de abril, celébrase o Día do Libro. Esta festa levouse a cabo por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura, a edición e publicacións impresas, e os dereitos de autor. As súas orixes están ligadas a Cataluña e á celebración do Sant Jordi (San Xurxo), cando era costume que os homes agasallasen as mulleres cunha rosa e estas o fixesen cun libro.
Os compoñentes do club de lectura reunímonos para facer o coñecido “regalo do/a amigo/a invisible” no que profesores e alumnos agasallarémonos cun libro.

Xa vos informaremos da experiencia.

PORTADAS DE LIBROS

luns, 14 de abril de 2008

En Defensa Da Filosofía



MANIFESTO CONTRA O ANTEPROXECTO DE DECRETO DA ORDENACIÓN E O CURRÍCULO DE BACHARELATO DE GALICIA
O profesorado de Filosofía reunido en asemblea convocada pola Sociedade Galega de Filosofía (SOGAFI) nas Xornadas sobre Educación da Cidadanía, quere manifestar o seu desacordo co Anteproxecto de Ordenación do Currículo do Bacharelato para Galicia no que atinxe á redución da carga horaria da materia de Filosofía e Cidadanía, de tres a dúas horas semanais, polas seguintes razóns:
1. Constitúe un dereito irrenunciable do alumnado de bacharelato dispor dun espazo de reflexión crítica racional que garde unha relación clara coa tradición filosófica europea. Como ten sinalado a Declaración de París a favor da Filosofía (UNESCO):
… reafirmamos que a educación filosófica, por formar espíritos libres e reflexivos, capaces de resistir ás diversas formas de propaganda, de fanatismo, de exclusión e de intolerancia, contribúe á paz e prepara a cada un para facerse cargo das súas responsabilidades fronte ás grandes cuestións contemporáneas, no dominio da ética especialmente;
Xulgamos que o desenvolvemento da reflexión filosófica, tanto no ensino como na vida cultural, contribúe de xeito importante á formación de cidadáns ao exercitar a súa capacidade de xuízo, elemento fundamental de toda democracia.
É manifestamente incoherente que os poderes públicos insistan na importancia dun ensino dirixido a promover o exercicio dunha cidadanía informada, autónoma e democrática – até o punto de provocar unha viva polémica social – , para de seguido privar ao alumnado da formación específica indispensable para desenvolver as competencias implicadas, dende a que capacita para acceder á linguaxe e conceptualidade propia da Constitución, os Estatutos de Autonomía, os Tratados Internacionais e todos os textos que garanten e formulan os Dereitos humanos dende a metade do século XX, até as que propician a apropiación crítica do coñecemento e os valores civís.
2. A redución de 3 a 2 horas da carga horaria de calquera materia, como viría a suceder coa Filosofía e Cidadanía –máxime cando foron incrementados os seus contidos – , non só compromete o cumprimento do seu currículo, senón tamén a súa mesma viabilidade como materias educativamente útiles, provocando a súa degradación e finalmente a súa extinción.
3. Por outra banda a Historia da Filosofía de segundo de bacharelato deixaría de dispor da propedéutica que precisa no primeiro curso, así como unha vía alternativa á histórica de acceso aos contidos filosóficos, polo que sen dúbida os seus obxectivos se verán afectados.
Por todo o exposto solicitamos o apoio de cantos compartan os argumentos aducidos para requirirmos aos poderes públicos a procura dunha solución na que en todo caso sexa salvagardada a viabilidade da materia de Filosofía e Cidadanía dotándoa cunha carga horaria de ao menos de tres horas semanais.

Se estás dacordo coas reivindicacións en defensa da Filosofía, asina en: www.nexosfilosofia.org/sgf

venres, 11 de abril de 2008

O Clube de Lectura de BAC entra na néboa da condición humana

O pasado xoves tivo lugar a primeira das xuntanzas do Clube para falar en torno á lectura que vimos de rematar: Niebla, de Miguel de Unamuno.
A verdade é que foi unha experiencia interesante para tod@s a lectura deste clásico. Intempestivo coma todos. Todo o mundo sabe que don Miguel foi un gran filósofo. Tanto que, como dirá máis tarde o seu discípulo Ortega, a cortesía do filósofo é a claridade. Con claridade nos fala Unamuno do destino e a identidade de cadaquén, de paso que nos explica sen que apenas nos demos de conta a Platón, a Descartes e a Sartre -que tiña dous aniños en 1907 cando saiu o libro-.
Nese sentido, eu direille unhas palabras a Augusto Pérez, o heroe da nosa nivola. Ese que, no xuízo final que ten lugar cada atardecer, non deixa de ser senón nós mesmos.
Don Augusto, querido:
Estar namorado e dicir ben o amor son unha soa e a mesma cousa: así como non é posible aprender sen aprender algo, e non é posible aprender algo se non se aprende ben, así tamén o dicir -ben- o amor non é algo que faga un suxeito -sexa ou non poeta- reunindo palabras de xeito máis o menos afortunado, senón algo que fai o amor mesmo con aqueles a quenes posúe, sen necesidade de que os posuídos o declaren coas súas palabras. E por eso mesmo parece que topamos con algo -unha virtude, quizáis- que non se pode aprender -é cuestión de posesión non de técnica- nin ensinar. Sería absurdo querer convertir o arte de amar nunha colección de reglas explícitas que poideran inculcarse ou escribirse nun manual. Amar -vivir-, pola súa propia condición, non pode explicitarse sen degradarse. Sen embargo, ninguén nace co saber -coa memoria- do que amar, ou cazar, ou cociñar ou bailar, ou calqueira cousa é, senón que ten que aprendelo. Pola mesma razón, non se pode escribir o que cada un é, non se poden dar instruccións por escrito a un para que 'sexa quen é' ou para que 'sexa o que é', non lle fai falta ningunha: éo e basta.
Quizáis sexa iso o que nos ensine a morte cando aconteza. Non, don Augusto?.
Vémonos o próximo xoves, que seguimos filosofando.