luns, 16 de xaneiro de 2012

2012, bicentenario de Dickens


Este ano 2012 cúmprese o bicentenario do nacemento de Charles Dickens, un dos máis célebres escritores en lingua inglesa e un clásico da literatura universal. O autor de Oliver Twist ou Grandes Esperanzas exerceu de defensor dos desfavorecidos, sobre todo dos nenos explotados nas fábricas do Londres victoriano do século XIX.
Nacido en Portsmout en 1812, foi un dos principais escritores ingleses de ficción. O seu estilo, non carente de ironía, serviu para dar a coñecer os principais problemas aos que se enfrontaban os ingleses máis marxinados. Gran parte da súa obra foi publicada por entregas nos xornais, que era a forma de publicación da época. Aínda que algunhas das súas obras foron acusadas de sensibleiras, o certo é que co tempo apreciouse máis o sarcasmo e a crítica social da que fan gala. Entre as súas obras máis famosas destacan Oliver Twist, Os Papeis Póstumos do Club Piwick, Grandes Esperanzas, Historia de Dúas Cidades, David Copperfield, Casa Abatida, Tempos Difíciles, O noso Común Amigo ou O Gardavía. Tamén creou ao inesquecible Señor Srooge de Un Conto de Nadal.

Un dos grandes, pois, da literatura universal e tamén un bo motivo para achegarse á súa obra dende a nosa biblioteca. Atréveste?

Ningún comentario: