venres, 8 de marzo de 2024

8 DE MARZO:  ELAS E AS SÚAS VOCES

AS DAMAS QUE ANTANO CANTARON

Cantar o cantar das damas que foron, coas neves de 

antano e a soga ao pescozo. Suicidas por sobreviver.

Santas de levitar. Loucas de corazón. Coas palabras 

torcidas cantar como a água nas estalactitas do olvido.

 

Surxiron das telas, das doces telas perfumadas en que 

envolver os sentidos. No pensamento os paxaros 

asubiaban boleros. Eran nais e criadas coas mans

vermellas de esfregar e non bandeiras. Palabras de 

conformidade tiveron, señoras da navegación

subterránea.

 

Tamén tiñan corpo. Ese corpo burdel cos veludos

vermellos cambiados por fitas verdes de seda, meu 

señor. E si, si, si, palabra penélope da espera.

 

E alma para comprender sen precisar de ensinanza, 

siléncio, riso e alimento torrencial para amamantar

greis enteiras.

 

Asi foron feitas, carne de multiplicar e de verbo. Por iso

agora aqui quero

 

Cantar o cantar dos cantares, de Safo-alceu a

safiduría, con Afrodita nos mares incitando-te para que

te despeñes, e Helena para que saibas como morre o

Cazador por ti e por amor da morte.

 

O cantar de Exéria á ida e o de Prócula á volta, cos teus 

andares camiños entre as baladas do tempo.

 

De Hildegarda o latín que aprendeche en segredo, nos

conventos da noite, para acabar, case antonte, na 

interxección dun disparo.

 

De Murasaki Shikibu as colunas de signos que 

sosteñen Xapón e o teu escreber desde o fundo dos

mares.

 

De Rosa, Marie, Rosalía, Florbela, Dolores, Virxinia,

Simone e porque nunca seus nomes esqueza ninguén

de cantar Frida Khalo.

 

                                                LUÍSA VILLALTA (Letras galegas 2024)


VENAS VER,  LER,  SENTIR, COMPARTIR NA NOSA BIBLIOTECA

UNHA EXPOSICIÓN ACHEGARATE A ELAS E A MOITAS OUTRAS

Ningún comentario: